martes, 22 de junio de 2010
Os lobos do sur de Pontevedra desterrados
Mentres o Plan de Xestión do Lobo en Galicia avoga sobre o papel pola protección do lobo ibérico e o mantemento dunha poboación viable similar á actual, na práctica a Xunta permite que o grupo reprodutor estable situado na zona sur da Serra do Suído, sexa desprazado en plena época de cría polas obras derivadas da apertura de pistas preto do Coto de Bidueiros. O último reduto do lobo, o seu escondedoiro para sacar adiante ás últimas camadas, foi arrodeado de pas, camións e tránsito de persoas na época máis sensible do ano, rematando por desprazar ó grupo que tivo que abandonar o seu encame. Este feito é especialmente grave xa que o risco de perda da camada é alarmantemente alto. Buscar unha nova lobeira axeitada sobre a marcha e o transporte dos cachorros, non é sinxelo derivando en situacións potencialmente perigosas.O lobo precisa basicamente auga, alimento e un lugar tranquilo. Isto que semella sinxelo, converteuse nun ben escaso para este grupo de lobos asediado por pistas, perda de hábitat, parques eólicos, tráfico rodado, furtivismo, falla de presas silvestres e as perturbacións da tempada de caza. Nesta zona a Xunta deu luz verde para ampliar o parque eólico xa existente, e para a instalación dunha canteira. Hai outras maneiras de acabar co lobo ademais da escopeta e o veleno.
O lobo ibérico está catalogado como especie vulnerable no Libro Vermello dos Vertebrados de España, e como especie case ameazada no Atlas do Mamíferos Terrestres de España. A nivel comunitario, goza de recoñecemento, sendo especie catalogada de INTERESE COMUNITARIO (Directiva 1992/43/CEE), tendo a nosa comunidade a obriga de manter un estado de conservación favorable para esta especie clave para a boa saúde do ecosistema.
http://alobagueira.blogspot.com/
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario